lunes, 29 de junio de 2009

Chaioso


Chaoiso
O noso pobo atópase aos pes do castelo de Maceda; agora Chaioso parece máis un barrio de Maceda que un pobo aparte, de aí que para contar a nosa historia teñamos moito que contar de Maceda e das xentes da vila. Daquelas eramos moitos veciños en Chaioso, agora só quedamos sete familias. Moitos marcharon, coma nos, a traballar fora de Galicia, e outros quedaron na provincia en cidades mais grandes que Maceda.
Polo que recoñeceras a Chaioso é polo seu pazo. O castelo era da familia do conde de Novoa, e os seus descendentes fixeron o pazo aos pes do Castelo. A nobreza da zona é toda de formación militar. Tiñase que pagar uns foros o Castelo de Maceda, por terras que foran cedidas os pobos da comarca; nos pobos había unas persoas que eran os encargados de recaudar ditos foros para entregar o Conde do Castelo. Consistia en darlle centeo, millo, fabas, etc. Estes recadadores chamábanse “cabezoleiros”. De aquí sae a actual figura do entroido de Maceda, os felos. Tiñase que pagar segundo a extensión de terreo que se traballaba. Uns pagaban unha tega, media tega ou unha arroba. Unha arroba eran 14 kilos e medio de patacas, unha tega de centeo que é 12 kilos, un ferrado de millo son 13 kilos.

A última familia que se recorda nobre dona do pazo é a de Dona Araceli Anta Novoa, casada con Don Ramón Villariño de Saa era de Xinzo da Limia, dunha familia moi acomodada, licenciado en dereito.
Don Ramón Villarino de Saa foi deputado a Cortes en Madrid no partido de Gil Robles no ano 1936 . Despois da Guerra Civil, foi avogado do bispado de Ourense, esta familia non tubo fillos e o Pazo foi herdado por os sobriños. Este matrimonio era moi apreciado na vila de Maceda, eran xente moi sinxela e boa. A celebración das festas de Chaioso, eran un acontecemento en toda a comarca, achegándose xente de Allariz, Xinzo de Limia, incluso de Carballiño. As festas de San Ramón celebrábanse o 31 de Agosto, e se facían na capela do pazo, que tiña misas e procesións, que recorrían o pobo. As festas celebrábanse o día propio do santo, e mais a véspera. Don Ramón, corría cos gastos das festas.
Na actualidade, o pazo vendeuse a un particular. O pazo agora mesmo estase a reformar, para facer del un establecemento hoteleiro.

Agora mesmo, as familias que agora vivimos no pobo estamos traballando para que o pobo mellore estamos facendo unha casa social coa axuda do Concello de Maceda; temos pensado acabala este ano.
Aínda que non esta acabada xa temos nela as xuntanzas e ceas dos veciños que temos cada dous ou tres meses para cambiar ideas sobre as actividades que estamos facendo. Coma por exemplo o entroido; tódolos anos disfrazámonos todos os veciños do pobo por que inda que somos poucos somos moi unidos. Imos todos vestidos iguais , este ano fomos de San Fermín e como non podiamos levar bois levamos catro burros con cornos postizos e tivo moito éxito porque nos deron o primeiro premio. Tamén organizamos unha “Festa da tapa”, montamos oito bodegas e temos pinchos distintos en cada bodega; achegase moita xente e temos musica, esta festa é o 30 de maio.
Por suposto celebramos as festas de Chaioso, que é a festa de san Pedro os días 11 é 12 de Xulio. Temos moitos deportes, entre eles tiro o prato, campionato de subastado, campionato de cachibol. A noite 31 de Xulio para o 1 de agosto celebramos a noite do terror. Traballan 120 actores, ven xente de Ourense e de todas as vilas da provincia; pasan por Chaioso mais de 2.000 persoas, e aínda que pasan medo hai moita xente que repite, por que pasar pásase medo, pero ao final da noite quentámonos con un bo chocolate con churros. Pasando algúns dias temos a cea con toda a xente que colaborou na noite do terror, esta vez xa sen disfrazar. Despois por suposto coma en toda a provincia tamén celebramos os magostos, nesa cea temos churrasco chourizos e castañas ,pan e viño, e de lambonadas pasteis e chocolate.
Como podedes ver somos unha asociación de veciños moi activa e moi trouleira, despois de todo gústanos pasalo ben e que xente que se achega ate Chaioso tamén o pase ben. Quedades convidados a visitarnos cando queirades.